martes, 30 de junio de 2009

A capela de S. Tomé

A CAPELA DE SAN TOMÉ
Nun piñeiral de Tebra en Tomiño hai unha capela toda derruída: é a capela de San Tomé.
Cando a capela non se utizou foise perdendo, caeu o tellado e logo as paredes. Di a lenda que a xente aproveitaba as pedras para reutilizalas en facer construccións no seu eido (cortes, alboios…). O caso é que cando metían animais naqueles cerrados, morrían ou tiñan todo tipo de desgrazas. A xente decatouse de que iso só pasaba onde había pedras da capela.
Ó final decidiron devolver as pedras ó seu lugar e desde entón nunca volveu a haber desgrazas.
A PEDRA LONGA
En Vilameán de Tebra, no barrio do Castro, hai unha pedra que lle chaman a Pedra Longa.
Dis que en certa ocasión viñeron deica alí uns mouros. Unha moura traía a rocha na cabeza, ó tempo que fiaba pouco a pouco nunha roca. Alí deixou a roca sobre a Pedra Longa en sinal de que alí estiveran, pero dos mouros non se soubo máis.
A pedra está encantada e dis que debaixo dela hai ouro que está gardado por unha cobra de sete cabezas. Para desencantala e poder coller o ouro, ten que ir un cura e sete cans. Ó chegar o can número sete, desaparecerá e entón poderase entrar por debaixo e coller o ouro que hai agochado.
Tamén din que ten dous irmáns: Santa Lucía e San Xulián e que se miran uns a outros.
Á beira desta pedra hai sinais de que alí estiveron os mouros. Hai covas e tamén un forniño, onde os mouros cocían o pan. Tamén está a Eira da Morrosa, onde desde lonxe se miraba roupa estendida, pero ó ir alí non se atopaba cousa algunha: era a roupa dos mouros.
Os mouros estaban sen batizar; por iso dise dun rapaz que non está batizado que é un mouro.

miércoles, 10 de diciembre de 2008

UNHA HISTORIA REBELDE

Un día de moito sol había un rapaz sachando na horta e estaba pensando en casar. Cando de repente aparece unha rapariga, a que lle gustaba ó rapaz. A rapaza sabíao e por iso foi onda el e díxolle se quería ser o seu mozo. O neno asustouse e de alí pouco tempo empezaron a saír por aí os dous xuntos, sen os seus pais saber nada. Estaban moi contentos de ser mozos e de facer o que eles querían. Cando un día fixeron o que non debían, de alí a un tempo a rapariga enterouse de que estaba embarazada. Tiveron que decirllelo ós pais dos dous. Os pais del reaccionaron ben, pero os pais dela reaccionaron moi mal. Eles dous casaron e tiveron o neno. Foron felices e comeron perdices JUDITH

jueves, 4 de diciembre de 2008

Facemos historias



A BANDA AMELIN

Había unha vez unha rapaza chamada Caperuchiña Amarela. Ela vivía no bosque de Amelín onde había moitos ratos. Un día de inverno viñeron a aquel monte un gato, un burro, un can e un galo en busca dun fogar porque os seus amos non os querían. Alí, nese monte, coñeceron a Carapuchiña e naquel instante estaban pensando en formar unha banda máis grande. Entón o galo propúxolle á Carapuchiña formar parte desa banda. Ela aceptou encantada, e entón de súpeto apareceu o lobo e o lobo díxolle se podía formar parte daquela banda, e eles contestaron: “Non vaite de aquí, non te queremos, porque nos podes comer” E o lobo marchou e eles grabaron un cedé.
Araceli 1C

jueves, 27 de noviembre de 2008

A cultura popular

Pódese entender por cultura a aquelas respostas que o individuo poder dar ante unha problemática social. Hai dous tipos de cultura: a do saber, a que se aprende mediante o estudo e se pon en práctica ( o que se lle chama tamén educación e sabedoría). Pero hai outro tipo de cultura que se aprende por imitación dun comportamento social, baseado no principio de ensaio-erro. Unha persoa sabe realizar unha operación alxebraica, onde están os Andes ou por que no Ártico non hai pigüíns como resultado do que aprendeu nos libros. Sen embargo unha persoa do rural, xa desde neno, sabe por que a vaca dá leite, cando o dá e ata que momento se lle pode quitar; ou o proceso da sementeira e colleita dun produto. Esta sería a cultura persoal e social.

Durante os Séculos Escuros Galicia viuse mermada pola comunicación escrita; isto fixo que a comunicación de trasmisión oral fose en crecemento, xa que era o medio de aprendemento social de moitos aspectos no seu desenvolvemento. E esta cultura, baseada en ditos, contos, refráns, adiviñas, lendas, bailes, cantos, folclore..., íase trasmitindo de xeración en xeración que chega ata os nosos días.

É magoa que se vaia perdendo de maneira inexorable esta cultura que os máis vellos aínda podían dala a coñecer; xa quedan poucos e cada vez menos.